Contact Us

Use the form on the right to contact us.

You can edit the text in this area, and change where the contact form on the right submits to, by entering edit mode using the modes on the bottom right. 

         

123 Street Avenue, City Town, 99999

(123) 555-6789

email@address.com

 

You can set your address, phone number, email and site description in the settings tab.
Link to read me page with more information.

Xornal_novas_Regueifas_18.png

Blog

Filtering by Category: Novas

Regueifas de Ciencia, debemos priorizar a seguridade fronte á privacidade dixital?

Leonor Parcero

Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e está financiada pola FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía), pertencente ao Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e celebrouse por primeira vez en 2016.

O vindeiro xoves 1 de xuño celebrarase o segundo debate de 2017, no que se tratará de responder á pregunta ?Debemos priorizar a seguridade fronte á privacidade dixital??. O evento comezará ás 20.00h na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e será retransmitido por streaming.

Ao longo de 2017 exporanse, ademais de leste, outros dous debates sobre temas candentes: a edición xenética, a investigación para alongar a vida humana, a eutanasia ou a enerxía nuclear son algún dos asuntos na lista de opcións da organización

Tras o éxito da primeira edición, que reuniu a preto de 1.500 persoas nos eventos en vivo, e do bo arranque en 2017, que volveu encher o auditorio, Regueifas de Ciencia anuncia unha nova cita o día 1 de xuño. 

Os avances nas tecnoloxías da información e comunicacións multiplicaron de forma exponencial a nosa capacidade de comunicación e de intercambio de información, modificando de forma radical as dinámicas da sociedade, da nosa vida e da nosa intimidade. Xa non hai distancias nin barreiras, todo está ao noso alcance e xa non hai fronteiras.

Esta situación exponnos dous retos principais: a seguridade e a privacidade.
Como consecuencia da nosa actividade diaria, imos deixando un rastro dixital que pode pór en risco a nosa privacidade (pensemos tamén na biometría, o procesado de imaxe, o big data...). Protexela é esencial, pois diso depende a nosa liberdade.

Doutra banda, as ameazas como o terrorismo imponnos unha serie de medidas, como a vixilancia masiva, necesarias para a prevención destes ou outros ataques contra a nosa integridade, contra a nosa vida. 

Ademais, este reto non só se nos expón desde a perspectiva das forzas de seguridade dos estados ou as axencias de intelixencia, tamén está o mercado. As empresas tecnolóxicas ou o sector publicitario teñen un papel tanto ou máis importante neste asunto que os propios gobernos (lembremos, por citar un recente, o caso do iPhone e a FBI).

Como xa nos dixo Bentham, saber que estamos a ser observados ou simplementepensar que podemos estalo afecta o noso comportamento e prívanos da nosa liberdade, porque o vixiante está na nosa cabeza.
En consecuencia, o debate está moi vivo: Existen garantías de privacidade fronte ao estado ou as empresas? Os nosos datos persoais... son nosos? Se a nosa lexislación garante a nosa privacidade, estamos a dar espazo aos criminais? Estamos a ser observados?

Os relatores serán:

  • Marta Peirano, xornalista eldiario.es, fundadora de Cryptoparty Berlin e co-directora de COPYFIGHT
  • Paloma Llaneza, Avogada especialista en Dereito Tecnolóxico
  • Eduardo Casas, Corpo Nacional de Policía, Unidade de Investigación Tecnolóxica
  • Alberto Calero, Enxeñeiro de Telecomunicación, A&J Calero e Maven7

Sobre Regueifas de Ciencia
Ao longo de 2016, saltaron ao ring de Regueifas de Ciencia destacadas personalidades de diferentes campos e debateuse sobre transxénicos, o posible cambio de fuso horario para España, experimentación animal en ciencia e mesmo sobre o eterno dilema de se ciencia e fe son compatibles. Algunha das caras máis coñecidas entre os relatores da primeira edición foron Jorge Mira, JM Mulet, Antonio Martínez Ron, Fernando Savater ou Fernando Sánchez Dragó.

Un dos aspectos máis interesantes da iniciativa é precisamente que os relatores teñen perfís moi variados: científicos, filósofos, escritores, investigadores, divulgadores, xornalistas, profesores... logrando conformar entre todos unha magnífica fonte de información para a audiencia sobre temas que, a priori, poderían non ser fáciles de comprender e sobre os que pode custar situarse. 

Esta actividade pretende facilitar esta tarefa. Regueifas de Ciencia son eventos de libre acceso (ata completar aforo), que se retransmiten por streaming e que quedan gravados, facendo posible gozar dos debates á carta desde a páxina web (www.regueifas.org) ou a súa canle de Youtube.

O debate
O estilo destes debates denomínase tipo "Oxford", o que implica que hai dous equipos (neste caso formados por dúas persoas), un moderador e tempos pautados para cada intervención (intervencións, réplicas e contrarréplicas). 
Ademais, ao final ábrese unha quenda de preguntas para que o público poida resolver as dúbidas que se puidesen quedar despois de escoitar os argumentos das partes.

Votación electrónica
Outro dos aspectos innovadores de Regueifas de Ciencia é que o público pode opinar. Antes de empezar co debate, pregúntase ao público con cal das dúas posturas está, realizando unha votación electrónica da que non se publica o resultado.
Ao terminar o debate, o moderador repetirá a pregunta, o público volverá responder, publicando esta vez os datos para comparar se houbo cambios de posición na audiencia.


 

Apoia o proxecto, merca a túa camiseta!

Leonor Parcero

Regueifas_Ref_Cami_Oscura.png

Por vez primeira, Regueifas de Ciencia pon á venda camisetas coa imaxe do evento. Se es fan de Regueifas e queres aportar o teu gran de area para que siga medrando, colabora e presume de camiseta!

Busca o stand na entrada do evento.

Volve Regueifas de Ciencia!

Leonor Parcero

Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e está financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), pertencente ao Ministerio de Economía y Competitividad.

 Regueifas de Ciencia celebra a súa segunda edición repetindo localización, mais aportando novos debates e relatores sobre temas candentes.

 O primeiro debate terá lugar o vindeiro martes 28 de marzo ás 20.00h, na Facultade de Comunicación da USC coa pregunta de partida: “Promove a industria unha alimentación sa?”

 

Tras o éxito da súa primeira edición, á que asistiron preto de 1.500 persoas ao evento en vivo, volve Regueifas de Ciencia, unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela que busca a aprendizaxe e o enriquecemento da audiencia a través da organización de debates sobre temas clave para a sociedade.

Ao longo do 2016, saltaron ao ring de Regueifas de Ciencia destacados persoeiros de diferentes campos e debatiuse sobre transxénicos, o posible cambio de fuso horario, experimentación animal e incluso sobre o eterno dilema de se ciencia e fe son compatibles. Algunhas das caras máis coñecidas entre os relatores da primeira edición foron Jorge Mira, JM Mulet, Antonio Martínez Ron, Fernando Savater ou Fernando Sánchez Dragó.

Un dos aspectos máis interesantes da iniciativa é precisamente que os relatores teñen perfís moi variados: científicos, filósofos, escritores, investigadores, divulgadores, xornalistas, profesores... logrando conformar entre todos unha magnífica fonte de información para a audiencia sobre temas que, a priori, poderían non ser sinxelos de comprender e sobre os que pode costar posicionarse.

Malia que estamos rodeados de información e que temos todo o coñecemento ao noso alcance, a rapidez da mesma e certa sobreexposición impide unha análise en profunidade e, en consecuencia, dificulta a conformación dunha opinión informada e libre de prexuizos.

Esta actividade, que se celebra no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, pretende facilitar esta tarefa. Regueifas de Ciencia son eventos de libre acceso (ata completar aforo), retransmítense por streaming e quedan gravados, sendo posible gozar dos debates á carta dende a web do evento ou a súa canle de YouTube.  

O debate

O estilo destes debates denomínase tipo “Oxford”, o que implica que hai dous equipos (neste caso formados por dúas persoas), un moderador e tempos pautados para cada intervención (intervecións, réplicas e contrarréplicas).

Ademais, ao final ábrese unha quenda de preguntas para que o público poida resolver as dúbidas que lle puidesen quedar despois de escoitar os argumentos das partes.

Votación electrónica

Outro dos aspectos innovadores de Regueifas de Ciencia é que o público pode opinar. Antes de empezar co debate, preguntarase ao público con cal das dúas opinións está, realizando unha votación electrónica, mais non se da a coñecer o resultado. Ao rematar o debate, o moderador repetirá a pregunta, o público responderá de novo e será entón cando se publicarán os resultados, podendo analizar deste xeito se houbo cambios de posición na audiencia.

Primeira Regueifa de 2017

A primeira Regueifa de 2017 xirará en torno á pregunta de partida “Promove a industria unha alimentación sa?” e terá lugar o vindeiro martes 28 de marzo, ás 20.00h en Ciencias da Comunicación (USC). Os relatores serán, por unha banda, Rosaura Léis Trabazo, que é pediatra, profesora da USC e Coordinadora de la Unidad de Nutrición Pediátrica del CHUS e José Manuel López Nicolás, profesor de Bioquímica da Universidade de Murcia, Director da Unidade de Divulgación Científica da UM, autor do blog Scientia e do libro "Vamos a comprar mentiras”. Na posición contraria estarán Enrico Frabetti, director de Política Alimentaria, Nutrición e Saúde da Federación Española de Industrias de la Alimentación y Bebidas (FIAB) eRafael Urrialde de Andres, director de Saúde e Nutrición en Coca-Cola Iberia.

 

Regueifas de Ciencia pecha a súa primeira edición cun debate sobre ciencia e fe

Leonor Parcero

  • Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e está financiada pola FECYT. É un conxunto de debates con estrutura tipo Oxford que se celebran ao longo do ano 2016 na Facultade de Comunicación da USC.
  • A primeira “Regueifa” tratou o tema dos transxénicos, a segunda sobre a posibilidade dun cambio de fuso horario para España e na terceirase está xustificado o uso de animais en experimentación científica. Este último debate tratará sobre se ciencia e fe son compatibles. Será o xoves 10 de novembro ás 20.00h.
  • Un equipo estará formado polo escritor e xornalista Fernando Sánchez Dragó e o físico e teólogo Emili Marlés e o outro polo divulgador e xornalista Antonio Martínez Ron e Juan Ignacio Pérez “Iñako”, coordinador da Cátedra de Cultura Científica da UPV/EHU.

 

O coñecemento e o sistema científico permitiunos aumentar a nosa esperanza de vida de xeito abraiane, dos 30 anos de media mundial de comezos do século XIX aos 71,4 actuais. Permitiunos incluso pisar a superficie da lúa e descubrir as partículas subatómicas, mais para algúns a ciencia non é capaz de ofrecernos un coñecemento pleno e o mesianismo científico é cego e inhumano e non conseguirá a plena satisfacción do ser humano.

Así, xérase unha dualidade. Para uns de extremos contrarios epara outros complementarios. Por unha banda están as relixións, basadas na fe, as crenzas e a espiritualidade, e por outra a ciencia, racional, escéptica. Son compatibles? Pode a ciencia por si soa explicalo todo? Un maior progreso científico implica o declive da relixión? Poden os científicos profesar algunha fe relixiosa? Hai cabida para a espiritualidade nun mundo no que a ciencia avanza a pasos de xigante? É a ciencia unha nova relixión en si mesma? Son moitas as preguntas que aparecen e complicadas as respostas.

Hai persoas que sosteñen que é posible unha coexistencia de ciencia e relixión e persoas que consideran que son excluíntes. Entre aqueles que pensan que son compatibles, atopamos ao coñecido novelista e xornalista Fernando Sánchez Dragó, que debatirá no mesmo equipo que o sacerdote teólogo e físico Emili Marlés. Nas filas dos contrarios a esta postura temos ao xornalista e divulgador científico Antonio Martínez Ron e a Juan Ignacio Pérez, Iñako, que, entre outras cousas, é coordinador da Cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco.

ESTÁ XUSTIFICADO O USO DE ANIMAIS EN EXPERIMENTACIÓN CIENTÍFICA? VOLVE REGUEIFAS DE CIENCIA

Leonor Parcero

  •  Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e está financiada pola FECYT. É un conxunto de debates con estrutura tipo Oxford que se celebran ao longo do ano 2016 na Facultade de Comunicación da USC.
  •  A primeira “Regueifa” tratou o tema dos transxénicos, a segunda sobre a posibilidade dun cambio de fuso horario para España e agora volve o debate para discutir se está xustificado o uso de animais en experimentación científica. Será o mércores 21 de setembro ás 20.00h.
  • O equipo a favor da experimentación animal está formado por Fernando Savater (filósofo) e Emma Sánchez (EARA, Asociación Europea para a Investiagación con Animais). O equipo en contra está formado por Óscar Horta (filósofo, profesor na Universidade de Santiago de Compostela) e Ezequiel Páez (avogado, Centre for Animal Ethics da Universidade Pompeu Fabra).

 

A experimentación con animais é un tema con moitas caras: científica, moral, ética... E tanto a postura a favor como en contra suscitan polémicas en moitos ámbitos. O debate de Regueifas de Ciencia discute unha vez máis un tema tan controvertido como fundamental, pola implicación que ten nas nosas vidas. A organización agarda que á saída do debate os asistentes poidan ter unha opinión informada, tras ouvir os argumentos e as reflexións das dúas partes.

A postura a favor

A experimentación con animais é unha das prácticas científicas máis polémicas, especialmente se se trata de animais de compaña, coma no caso dos cans. A comunidade científica defende estas prácticas e asegura que existen multitude de controis e normativas para garantir que se utilicen animais só naqueles casos nos que non hai alternativas. Por outra banda, destacan que estas normativas e leis avanzan cada ano cara unha maior protección dos animais, como demostra que sexa ilegal a experimentación animal con fins cosméticos, que os grandes simios non poidan ser usados para investigación ou todas as directivas europeas existentes sobre a materia.

 

Ademais, aseguran que os animais utilizados son moitos menos dos que o público xeral pode imaxinar. Din que non se pode facer ciencia sen eles, a lo menos mentres os ordenadores non sexan capaces de mimetizar a complexidade dun organismo. A investigación con animais, afirman, tivo un papel fundamental nos descubrementos médicos e veterinarios da últimas décadas: medicamentos, a insulina, transfusións de sangue, vacinas (polio, tuberculose, meninxite, PVH…), probas diagnósticas, cirurxías, os transplantes, próteses, o avance na supervivencia ao cancro…

 

A postura en contra

Por outra banda, os detractores deste sistema pregúntanse ata qué punto é lícito ou éticamente aceptable levar a cabo experimentos con animais ou se compensa o sufrimento animal a cambio do beneficio humano. Tamén se preguntan se certos experimentos son xustificables: inoculación de virus, descargas eléctricas, privación de comida, intoxicacións, aplicación de sustancias irritantes nos ollos e na pel… Moitas organizacións animalistas sosteñen que históricamente o papel dos experimentos con animais foi esaxerado e que na realidade son pouco fiables, pois a extrapolación a humanos dos resultados obtidos en animais leva a moitos erros.

 

Afirman que a escolla de animais para experimentar é tan arbitratia coma se se utilizasen persoas dunhas determinadas características físicas, xa que as características son irrelevantes cando se fala do dereito dun ser vivo a non sufrir e gozar da súa vida en liberdade. Asoman tamén as acusacións de que a experimentación animal representa un negocio en si mesmo.

 

Atopámonos ante dúas posturas claramente enfrontadas. O vindeiro mércores día 21 de setembro veremos como as partes defenden os seus argumentos.

Debemos cambiar o fuso horario en España? Volve Regueifas de Ciencia

Leonor Parcero

Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela e está financiada pola FECYT. É un conxunto de debates con estrutura tipo Oxford que se celebran ao longo do ano 2016 na Facultade de Comunicación da USC.

A primeira “Regueifa” tratou o tema dos transxénicos e agora volve o debate para discutir se é ou non conveniente que España cambie de fuso horario. Será o 10 de xuño ás 20.00h

Partidarios e detractores do cambio fan ouvir as súas voces en medios de comunicación e mesmo a través de representantes políticos, pero coñecemos as consecuencias concretas de cambiar (ou non) de fuso horario?

 

Cada certo tempo, ás veces coincidindo co cambio ao horario de inverno ou verán e outras veces en campaña electoral, ouvimos falar da posibilidade de que España cambie o seu fuso horario. Se o cambio se producise, teriamos a mesma hora que Lisboa ou Londres, pero ademais desta coincidencia con outras cidades europeas, coñecemos as consecuencias dese cambio?

O vindeiro venres día 10 de xuño na Facultade de Comunicación da USC (Auditorio, 20.00h) poderemos coñecer as posibles consecuencias dese cambio con catro voces diferentes defendendo dúas posturas: a favor e en contra, nun debate de tipo Oxford (con moderador, quendas de palabra cronometradas, unha estrutura por bloques…)

Todos eles son expertos nas súas respectivas áreas e teñen unha opinión moi clara ao respecto:

 No equipo a favor do cambio de fuso horario:

  •  Francisco Jorquera, Portavoz do grupo parlamentario do BNG non Parlamento de Galicia
  • José Martía Fernández-Crehuet, Coordinador internacional de ARHOE (Asociación para a Racionalización dos Horarios Españois). Profesor-doutor internacional de Economía e Empresa na Universidade a Distancia de Madrid

 No equipo en contra do cambio de fuso horario

  • Jorge Mira, Catedrático do Departamento de Física Aplicada dá Universidade de Santiago de Compostela e divulgador científico
  • José María Martín-Olalla, Profesor de Física da Universidade de Sevilla 

(Currículos completos aquí)

Este segundo debate en xuño, outros dous antes de que acabe o ano 

Regueifas de Ciencia 2016, co lema “Debates intelixentes sobre temas apaixonantes” estreouse o pasado 8 de abril cun debate sobre os transxénicos en alimentación e agricultura. Naquela ocasión, o Auditorio da Facultade de Comunicación encheuse e máis de cen persoas seguiron o debate por streaming. Aquel evento foi gravado e foi visto máis de mil cincocentas veces.

Desde a organización esperamos que este segundo debate resulte tan interesante e atractivo como o primeiro.

Ademais de este, ao longo do ano celebraremos outros dous debates, dos que iremos informando conforme se acheguen as datas.